O vindeiro martes 20 de maio, de 14:30h a 18:30h, o Parque do Cancelón do Sar, xusto ao carón do IES de Sar, converterase nun espazo cheo de música, baile e alegría coa celebración da ROMARÍA DAS LETRAS.
Trátase dunha actividade organizada polo IES de Sar, a través dos departamentos de Dinamización Lingüística, Lingua Galega, Música e Educación Física, e coa colaboración da Residencia de Maiores Raiola. Xuntos queremos celebrar as Letras Galegas, rendéndolle unha merecida homenaxe ás cantareiras e á nosa cultura tradicional.
📌 Que imos facer?
Será unha auténtica romaría popular, ao estilo de antes:
🥪 Cada quen traerá a súa comida para facer un xantar popular como acostumaba a ser o que se facía nas romarías galegas no pasado.
🎶 Haberá música, cantareiras, pandeiretas e moita participación.
🕺 Animarémonos co baile tradicional, con pezas sinxelas para que ninguén quede sen mover os pés.
🎲 E os xogos populares correrán a cargo do alumnado de 3º da ESO, que ten preparadas actividades para todas as idades.
👨👩👧👦 As familias tamén están convidadas!
Esta será unha festa aberta a toda a comunidade educativa, por iso animamos ás familias a participar nesta xornada tan especial. Traede a comida, as ganas de pasalo ben e compartide con nós este día de celebración, música e identidade.
📢 Lembrade traer todo o necesario para o xantar e deixar o espazo limpo ao rematar. Entre todas e todos faremos desta romaría un exemplo de convivencia e respecto.
Vémonos o martes no Cancelón de Sar!!!
Viva a nosa lingua, viva a nosa cultura!!!
🌿🎵💃
Ningún comentario:
Publicar un comentario