Desde a ANPA do IES de Sar vimos de rexistrar un escrito dirixido á Consellería de Educación no que denunciamos a situación actual do centro e solicitamos a ampliación do cupo de profesorado.
Nos últimos anos, o instituto experimentou un importante incremento do alumnado sen que este fose acompañado dun aumento proporcional de recursos humanos e materiais. Esta situación está a provocar unha sobrecarga do profesorado e dificultades para garantir unha atención educativa adecuada.
Especialmente preocupante é o impacto no alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, que precisa máis recursos para asegurar unha verdadeira inclusión. A falta de profesorado, as ratios elevadas e a crecente burocracia están a dificultar unha atención individualizada e de calidade.
Tal e como recolle a normativa vixente, incluída a LOMLOE, as administracións educativas teñen a obriga de garantir unha educación inclusiva, equitativa e con recursos suficientes. Porén, a realidade do noso centro evidencia unha clara falta de medios para cumprir con estes principios.
Por todo isto, solicitamos á Consellería a ampliación do cupo de profesorado ata un mínimo de 45 docentes, como medida imprescindible para garantir o dereito á educación do noso alumnado.
Seguiremos traballando e mobilizándonos como comunidade educativa para defender unha educación pública digna.
✊ Porque a educación das nosas fillas e fillos non pode agardar.
