2ª FEIRA DAS PROFESIÓN NO IES DE SAR: ALUMNADO E PROFESIONAIS COMPARTEN EXPERIENCIAS

 


A ANPA de Sar, en colaboración co IES de Sar, organiza o próximo martes 24 de marzo, de 17:00 a 18:30 horas, a 2ª FEIRA DAS PROFESIÓNS, unha iniciativa que busca achegar ao alumnado e ás súas familias a diversidade de profesións existentes e facilitar un contacto directo co mundo laboral.

O evento celebrarase nas instalacións do instituto e reunirá a profesionais de diferentes ámbitos que compartirán a súa experiencia co alumnado, explicando en que consiste o seu traballo e como é o seu día a día profesional.

A feira pretende converterse nun espazo de encontro entre estudantes, familias e profesionais, co obxectivo de inspirar ao alumnado e axudarlle a coñecer distintas posibilidades de futuro.

Nesta segunda edición búscase dar visibilidade a todo tipo de profesións e oficios, desde traballos técnicos e artesáns ata profesións creativas ou vinculadas ao servizo público. Todas as profesións teñen un papel importante na sociedade e coñecelas de primeira man pode axudar ao alumnado a ampliar a súa visión sobre o seu futuro profesional.

Durante a actividade, os profesionais participantes estarán en mesas informativas e poderán realizar pequenas demostracións, o que permitirá ao alumnado interactuar con eles, resolver dúbidas e descubrir aspectos prácticos das distintas profesións.

Esta iniciativa busca abrir novos horizontes ao alumnado e fomentar o diálogo entre a comunidade educativa e o mundo profesional, converténdose nunha actividade inspiradora para os mozos e mozas.