DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2025. AS CANTAREIRAS

 

Cada 17 de maio Galicia celebra o Día das Letras Galegas, unha xornada para honrar a nosa lingua, a nosa cultura e ás persoas que, co seu talento e dedicación, axudan a mantela viva. Este ano 2025, a Real Academia Galega dedica esta celebración as cantareiras, mulleres que, a través da súa voz e das súas coplas, foron (e son) gardiás da memoria popular, da tradición oral e do sentir dun pobo enteiro. Cantareiras como Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira Santos (Muxía) e as Pandeireteiras de Mens (Malpica), teñen un papel fundamental na preservación do noso patrimonio cultural.

 

Quen son as cantareiras?

As cantareiras son as mulleres que, tradicionalmente, cantaban nas festas, nas romarías ou mentres traballaban no campo e na casa. Coas súas voces transmitían cancións herdadas de xeración en xeración, letras cheas de historia, amor, traballo e denuncia. Moitas veces acompañadas de pandeiretas, as súas melodías formaban parte esencial do folclore galego.

Non eran artistas recoñecidas polos grandes escenarios, pero a súa influencia foi e é inmensa. Foron (e son) as portadoras dunha tradición musical viva que se mantivo grazas á oralidade, ao vínculo co rural, e ao orgullo de ser quen somos.


Celebrar cantando

Animámoste a celebrar este 17 de maio porque a lingua galega tamén se canta, e nelas atopamos un patrimonio sonoro que nos emociona, nos representa e nos une.

 

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS! QUE SIGA SOANDO GALICIA!


🎉 ROMARÍA DAS LETRAS: Unha xornada de festa e tradición!

 

O vindeiro martes 20 de maio, de 14:30h a 18:30h, o Parque do Cancelón do Sar, xusto ao carón do IES de Sar, converterase nun espazo cheo de música, baile e alegría coa celebración da ROMARÍA DAS LETRAS.

Trátase dunha actividade organizada polo IES de Sar, a través dos departamentos de Dinamización Lingüística, Lingua Galega, Música e Educación Física, e coa colaboración da Residencia de Maiores Raiola. Xuntos queremos celebrar as Letras Galegas, rendéndolle unha merecida homenaxe ás cantareiras e á nosa cultura tradicional.

📌 Que imos facer?

Será unha auténtica romaría popular, ao estilo de antes:

🥪 Cada quen traerá a súa comida para facer un xantar popular como acostumaba a ser o que se facía nas romarías galegas no pasado.
🎶 Haberá música, cantareiras, pandeiretas e moita participación.
🕺 Animarémonos co baile tradicional, con pezas sinxelas para que ninguén quede sen mover os pés.
🎲 E os xogos populares correrán a cargo do alumnado de 3º da ESO, que ten preparadas actividades para todas as idades.

👨‍👩‍👧‍👦 As familias tamén están convidadas!

Esta será unha festa aberta a toda a comunidade educativa, por iso animamos ás familias a participar nesta xornada tan especial. Traede a comida, as ganas de pasalo ben e compartide con nós este día de celebración, música e identidade.

📢 Lembrade traer todo o necesario para o xantar e deixar o espazo limpo ao rematar. Entre todas e todos faremos desta romaría un exemplo de convivencia e respecto.

 

Vémonos o martes no Cancelón de Sar!!!

Viva a nosa lingua, viva a nosa cultura!!!

🌿🎵💃