DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2025. AS CANTAREIRAS

 

Cada 17 de maio Galicia celebra o Día das Letras Galegas, unha xornada para honrar a nosa lingua, a nosa cultura e ás persoas que, co seu talento e dedicación, axudan a mantela viva. Este ano 2025, a Real Academia Galega dedica esta celebración as cantareiras, mulleres que, a través da súa voz e das súas coplas, foron (e son) gardiás da memoria popular, da tradición oral e do sentir dun pobo enteiro. Cantareiras como Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira Santos (Muxía) e as Pandeireteiras de Mens (Malpica), teñen un papel fundamental na preservación do noso patrimonio cultural.

 

Quen son as cantareiras?

As cantareiras son as mulleres que, tradicionalmente, cantaban nas festas, nas romarías ou mentres traballaban no campo e na casa. Coas súas voces transmitían cancións herdadas de xeración en xeración, letras cheas de historia, amor, traballo e denuncia. Moitas veces acompañadas de pandeiretas, as súas melodías formaban parte esencial do folclore galego.

Non eran artistas recoñecidas polos grandes escenarios, pero a súa influencia foi e é inmensa. Foron (e son) as portadoras dunha tradición musical viva que se mantivo grazas á oralidade, ao vínculo co rural, e ao orgullo de ser quen somos.


Celebrar cantando

Animámoste a celebrar este 17 de maio porque a lingua galega tamén se canta, e nelas atopamos un patrimonio sonoro que nos emociona, nos representa e nos une.

 

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS! QUE SIGA SOANDO GALICIA!


🎉 ROMARÍA DAS LETRAS: Unha xornada de festa e tradición!

 

O vindeiro martes 20 de maio, de 14:30h a 18:30h, o Parque do Cancelón do Sar, xusto ao carón do IES de Sar, converterase nun espazo cheo de música, baile e alegría coa celebración da ROMARÍA DAS LETRAS.

Trátase dunha actividade organizada polo IES de Sar, a través dos departamentos de Dinamización Lingüística, Lingua Galega, Música e Educación Física, e coa colaboración da Residencia de Maiores Raiola. Xuntos queremos celebrar as Letras Galegas, rendéndolle unha merecida homenaxe ás cantareiras e á nosa cultura tradicional.

📌 Que imos facer?

Será unha auténtica romaría popular, ao estilo de antes:

🥪 Cada quen traerá a súa comida para facer un xantar popular como acostumaba a ser o que se facía nas romarías galegas no pasado.
🎶 Haberá música, cantareiras, pandeiretas e moita participación.
🕺 Animarémonos co baile tradicional, con pezas sinxelas para que ninguén quede sen mover os pés.
🎲 E os xogos populares correrán a cargo do alumnado de 3º da ESO, que ten preparadas actividades para todas as idades.

👨‍👩‍👧‍👦 As familias tamén están convidadas!

Esta será unha festa aberta a toda a comunidade educativa, por iso animamos ás familias a participar nesta xornada tan especial. Traede a comida, as ganas de pasalo ben e compartide con nós este día de celebración, música e identidade.

📢 Lembrade traer todo o necesario para o xantar e deixar o espazo limpo ao rematar. Entre todas e todos faremos desta romaría un exemplo de convivencia e respecto.

 

Vémonos o martes no Cancelón de Sar!!!

Viva a nosa lingua, viva a nosa cultura!!!

🌿🎵💃

UNHA SEMANA PARA DESCUBRIR, CREAR E SORPRENDERNOS COA CIENCIA

 


Un ano máis, A Semana das Ciencias no IES de Sar chega cargada de coñecemento, curiosidade e moita inspiración.

Durante a semana do 22 ao 30 de abril, o noso centro convértese nun espazo para a ciencia viva. Charlas, exposicións, obradoiros e visitas didácticas darán forma a unha programación pensada para todos os niveis educativos, cun obxectivo claro: achegar a ciencia ao alumnado dunha forma entretida, próxima e transformadora.

📅 Aquí vai un pequeno resumo do que nos agarda:

 

🧪 Martes 22 de abril

  • Inauguración oficial e exposición do libro Xas: Mulleres que estudan o terra, coa ilustradora e coas autoras presentes.

  • Visita á Escola Superior de Enxeñaría de Camiños, Canles e Portos e ao Planetario-CITEEC da Coruña.

  • Conferencias:  "Terremotos en Galicia: por que?" (Carlos Núñez Temes) e "Volcáns e aneis: actores e testemuñas do clima que transformou sociedades" (Ignacio García González).

⚒️ Mércores 23 de abril

  • Charla-Obradoiro sobre electromagnetismo: Física re-recretativa e a conferencia sobre o uso das TIC en educación, "Detectives de imaxes" (Benito Vázquez Dorrio e Fernando Pérez González).

📱 Xoves 24 de abril

  • Reflexión sobre os riscos dixitais nos dispositivos móbiles a través da Conferencia "Seguridade nos dispositivos móviles" (Enrique Costa Montenegro).

  • Conferencia sobre intelixencia artificial e saúde a cargo de Alejandro Pazos Sierra.

  • Feira da Ciencia coa participación de todo o alumnado e o profesorado

🌊 Luns 28 de abril

  • Sandra Martínez García falaranos do océano e do cambio climático a través da Conferencia "O océano: o noso maior aliado na loita contra o cambio climático".

  • Obradoiro de bioloxía "Clonando carballos" para alumnado de 1º da ESO.

🤖 Martes 29 de abril

  • Conferencia de Manuel Vilares Ferro sobre intelixencia artificial descontruída: un xogo de esencias.

💊 Mércores 30 de abril

  • Conferencia de Luis Miguel Botana López sobre medicamentos e saúde: "De onde sae un medicamento?"

     

    🎯 Unha semana para explorar, aprender e descubrir.


🚀 CAMPAMENTOS DIXITAIS DE VERÁN DA XUNTA DE GALICIA: INSCRICIÓN ABERTA

 



   

A Xunta de Galicia lanza unha nova edición dos Campamentos Dixitais de Verán, unha iniciativa pensada para mellorar as competencias dixitais do alumnado e facilitar a conciliación familiar durante o período estival.


📌 En que consisten os campamentos?

Estes campamentos están deseñados para que o alumnado de 9 a 17 anos desenvolvan habilidades dixitais nunha contorna dinámica e enriquecedora. Ademais de formación tecnolóxica, fomentarase a convivencia, o traballo en equipo e o desenvolvemento de habilidades sociais.

 

📅 Datos crave do programa

Dirixido a: Alumnado de 9 a 17 anos, con prioridade para estudantes en situación de vulnerabilidade educativa e social.
🎟️ Prazas dispoñibles: 9.300 totalmente gratuítas, das cales 7.000 son para centros públicos
🕒  Duración: Desde o 23 de xuño ata o 5 de setembro, en estancias semanais de 9:00 a 16:00 horas.
📍  Onde: Centros educativos de Galicia.
📝 Inscrición: Os centros educativos poden solicitar a súa participación do 16 de marzo ao 15 de abril.

  

💡 Unha oportunidade para aprender e divertirse

Este programa busca reforzar os coñecementos dixitais do alumnado mentres gozan dun ambiente de aprendizaxe interactiva e colaborativa.

🔗 Más información aquí: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/46184

EDUCAR EN IGUALDADE É EDUCAR EN LIBERDADE


 

Cada 8 de marzo alzamos a voz para reivindicar un mundo máis xusto, libre e igualitario. E se hai un piar fundamental para construír ese futuro, ese é a educación. Porque a escola non só transmite coñecementos, tamén axuda a moldear valores, actitudes e formas de entender o mundo. Por iso, queremos unha educación feminista: unha educación que forme persoas libres, críticas e iguais.

Educar en igualdade non é unha opción, é unha necesidade. Non podemos permitir que os estereotipos de xénero sigan limitando os soños das nosas fillas e fillos. Que se siga dicindo que hai profesións “de mozos” e “de mozas”, que os coidados recaen só nunhas mans e o liderado noutras. A educación ten que abrir portas, non pechalas. Ten que ensinar a cuestionar a desigualdade, a detectar a discriminación e a combatela.

Queremos aulas onde se fale de referentes femininos en todas as áreas, onde as nenas se sentan capaces de ser científicas, artistas, enxeñeiras ou o que elas decidan. Queremos patios sen barreiras, onde o espazo non se reparta en función do xénero. Queremos libros de texto que conten a historia completa, sen esquecer ás mulleres que cambiaron o mundo. Queremos unha educación afectivo-sexual que ensine o respecto, o consentimento e o dereito para vivir sen medo. Queremos que a coeducación sexa unha realidade en cada centro escolar.

Porque educar en igualdade é educar en liberdade. É formar a persoas que poidan ser quen realmente queiran ser, sen que o xénero marque as súas posibilidades. E esa responsabilidade é de toda a sociedade: das familias, do profesorado, das institucións e de cada unha de nós.

Este 8M seguimos esixindo un compromiso firme cunha educación feminista que garanta un futuro sen discriminación. Porque a igualdade non se aprende soa: ensínase, deféndese e conquístase.

📚 PROBAS DE AVALIACIÓN DE DIAGNÓSTICO 2025 EN GALICIA: Datas, Novidades e Obxectivos

 

 

 

A Xunta de Galicia vén de fixar os días 28, 29 e 30 de abril de 2025 para a realización das probas de avaliación de diagnóstico en 4º de Primaria e 2º de ESO. Estas probas, establecidas pola LOMLOE, teñen un carácter informativo, formativo e orientador, e serven para coñecer o nivel competencial do alumnado e mellorar o sistema educativo.

📌 Principais novidades deste ano

🔹 Ampliación das competencias avaliadas:

  • En 4º de Primaria, ademais das competencias en Matemáticas e Comunicación Lingüística (Lingua Galega, Lingua Castelá e Lingua Estranxeira), inclúense por primeira vez Ciencias Sociais e Ciencias Naturais.

  • En 2º de ESO, ás competencias habituais súmanse Xeografía e Historia, Física e Química e Bioloxía e Xeoloxía.

🔹 Pilotaxe dixital:
A Consellería de Educación está a testar unha nova modalidade en formato dixital en 102 centros das provincias de Lugo e Ourense. O obxectivo é que, a partir de 2026, estas probas poidan realizarse en liña, o que suporía unha redución da carga administrativa para os docentes.

🔹 Cuestionarios de contexto dixitais:
Ao igual que o pasado ano, titores, dirección, alumnado e familias deberán cubrir un cuestionario de contexto para contextualizar os resultados, pero nesta edición realizarase de forma exclusivamente dixital.

📄 Como serán as probas?

✅ As probas manteranse en formato papel para o alumnado.
Serán aplicadas por profesorado que non imparta clase ao alumnado avaliado.
Non se obterán cualificacións individuais, senón informes globais por centro.

🎯 Obxectivo: mellora continua do sistema educativo

Os resultados destas probas permitirán que cada centro analice os seus puntos fortes e áreas de mellora. Os datos axudarán tanto ás escolas como á administración a deseñar accións específicas para a mellora da educación en Galicia.

Para máis información, consulta a Resolución do 25 de febreiro de 2025 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

 

PREGUNTAS FRECUENTES

🔹 As probas son anónimas?
Si. Os cadernos de cada alumno/a son anonimizados con códigos que só coñecerá a dirección do centro e o profesorado encargado da aplicación. Unha vez entregados, os contidos quedan "desconectados" da identidade real do alumnado.

🔹 O resultado da proba incorpórase ao expediente do alumno/a?
Non. As probas teñen unha finalidade diagnóstica e os seus resultados non se incorporan ao expediente do alumnado. O seu obxectivo é proporcionar información ao centro para a elaboración do seu plan de mellora.

🔹 As familias reciben algún informe coas notas do seu fillo/a?
Non. Ao tratarse dunha avaliación de diagnóstico, non se elaboran resultados individuais nin informes específicos para cada alumno/a. Só se xeran datos globais por centro.

🔹 Os resultados de competencias lingüísticas diferéncianse por idioma?
Si. A competencia lingüística analizarase separadamente en Lingua Galega, Lingua Castelá e Lingua Estranxeira, proporcionando información específica sobre cada área.


ACREDITACIÓN DA COMPETENCIA DIXITAL EN GALICIA: Instrucións para o Curso 2024-25



 

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa publicou a Resolución do 4 de febreiro de 2025 que establece as instrucións para a acreditación da competencia dixital do alumnado de educación secundaria obrigatoria (ESO) e bacharelato en Galicia durante o curso 2024/25.


Obxectivo da acreditación

Esta iniciativa busca garantir que o alumnado adquira as competencias dixitais necesarias para integrarse plenamente na sociedade dixital actual, fomentando o uso seguro e responsable das tecnoloxías. Esta medida está na liña do Marco Galego de Competencias Dixitais (ComDix) e o DigComp europeo.

 

Niveis de acreditación

A acreditación contempla dous niveis:

  • Nivel de Iniciación: Para o alumnado que obtén o título de graduado en ESO.
  • Nivel Intermedio: Para o alumnado que obtén o título de bacharel e supera unha proba específica na área de "Seguridade e privacidade".

 

Modalidades de acreditación

  1. ESO: A obtención do título de graduado da ESO inclúe a acreditación automática do nivel de iniciación.
  2. Bacharelato:
    • O título de bacharelato acredita as competencias nas áreas de información e datos, comunicación e colaboración, creación de contido dixital e solución de problemas.
    • Para acadar o nivel intermedio completo, o alumnado debe superar unha proba específica sobre seguridade e privacidade.

 

 

Proba específica para bacharelato:

DESTINATARIOS

Alumnado de 2º de bacharelato

INSCRICIÓN

Do 5 ao 20 de febreiro a través da aplicación https://www.edu.xunta.gal/programaseducativos/, na sección "Proba de acreditación de competencias dixitais - Área dominio 4 - 2º Bacharelato"

FORMATO DA PROBA

12 preguntas en 20 minutos. Requírese acertar o 60% para aprobar

DATA DA PROBA

Terá lugar en marzo de 2025 nos propios centros educativos

 

Validez da acreditación

As certificacións terán unha validez de cinco anos dende a data de obtención do título ou da proba.

 

Podedes atopar máis información:

·         contactando co centro educativo (IES de Sar) ou ben

·         a través do Portal educativo da Xunta de Galicia: 

 https://www.edu.xunta.gal/portal/node/45764

 

📢 MAÑÁ, GRAN DÍA!!! FEIRA DAS PROFESIÓNS NO IES DE SAR

 


Por fin remata a espera!!!  Mañá celébrase a Feira das Profesións, un evento para explorar diferentes camiños profesionais, coñecer persoas expertas de primeira man e resolver todas as vosas dúbidas sobre o voso futuro.

📅 Cando? Mañá, xoves 30 de xaneiro de 2025

 🕔 Hora? De 17:00h a 20:00h

📍 Onde? IES de Sar

Será unha xornada chea de aprendizaxe e inspiración. 

Non deixedes pasar a oportunidade de descubrir a profesión que pode cambiar o voso futuro! 🎯💡

XORNADA PREVENCIÓN TECNOADICCIÓNS NAS NOSAS CRIANZAS

  

 

Este mércores, 22 de xaneiro, ás 18:30h, na Casa das Asociacións (Antiga estación de Cornes), Rúa Manuel Beiras, 3, terá lugar a xornada formativa: “A prevención das tecnoadiccións nas nosas crianzas”

A sesión, organizada no marco das xornadas sobre prevención de adicción ás pantallas, contará coa participación de Ramón Molina, educador social e coordinador técnico dos programas impulsados pola Concellaría de Mocidade do Concello de Santiago. Ramón compartirá a súa experiencia traballando nos obradoiros de prevención en centros educativos e coa percepción das familias sobre este tema.

 

🎯 Que poderás aprender?

Coñecer os obradoiros de prevención de adiccións ás pantallas.

Identificar factores de risco e de protección ante as tecnoadiccións.

Aprender a xestionar conflitos relacionados co uso de dispositivos tecnolóxicos no fogar.

Pautas educativas para establecer unha boa hixiene dixital na familia.

 

Esta sesión é unha oportunidade única para reflexionar sobre o impacto das tecnoloxías nas nosas vidas e para dotarte de ferramentas que axuden a protexer ás crianzas fronte a posibles adiccións.

🎟️ A entrada é libre e aberta a todas as familias interesadas.

DESCUBRE O TEU FUTURO NA FEIRA DAS PROFESIÓNS

 

🤔 Que queres ser cando sexas maior?

Esta é unha pregunta que máis dunha vez lle fixemos as nosas fillas e fillos, pero que pasa cando non se sabe? Non se ten claro?  Non se sabe por onde empezar? Para tentar axudar e orientar ao alumnado e ás súas familias e atopar respostas, desde a ANPA de Sar xunto co IES de Sar estamos a organizar, con moitísima ilusión, a Feira das Profesións, un evento pensado para conectar a alumnado e familias con profesionais de diversos sectores.

 

📅 Cando e onde?

📌 Xoves, 30 de xaneiro
🕔 De 17:00h a 20:00h
🏫 No IES de Sar

 

💬 Que atoparás nesta Feira das Profesións?

Este evento ten idea de ser un espazo dinámico e inspirador para toda a comunidade educativa. Entre os seus principais atractivos destacamos:

    📚 Mesas informativas: onde profesionais de múltiples sectores estarán en mesas asignadas para explicar de xeito próximo e práctico en que consiste o seu traballo, cales son os retos que enfrontan, que habilidades ou formación son necesarias, ....

   🤝 Espazo de diálogo: onde tanto o alumnado como as familias poderán interactuar directamente con estes profesionais, exporlles preguntas e mesmo resolver dúbidas como:

        📌 Que estudos necesitas para chegar a esta profesión?

       📌 Como é o día a día neste traballo?

        📌Que recomendacións darías a alguén interesado/a no teu sector?

 

🌟  Por que non podes faltar?

A Feira das Profesións é unha oportunidade única para:

    👉Ampliar horizontes: Coñecer de preto profesións que quizais antes non considerabas.

    👉Inspirar vocacións: Axudar a descubrir intereses e camiños que poidan marcar o futuro profesional do alumnado máis novo ou mesmo daquel que aínda non ten claro por onde encamiñar o seu futuro.

    👉Involucrar ás familias: porque a orientación profesional é unha tarefa que comeza dende a casa, e espazos como este poden servir de axuda.

 

🎯 Agardámoste!!!

 

Sexas alumnado, nai, pai, titora, titor legal, esta é unha ocasión para explorar, aprender e, sobre todo, soñar co futuro. Non faltes!!

 

Ven a descubrir as posibilidades que te esperan na Feira das Profesións do IES de Sar!!!